TITLE

DESCRIPTION

O Camiño Inglés da Ría de Muros Noia e o Portus Apostoli preséntase en Roma

O vindeiro martes 24 de outubro o centro Cervantes de Roma acolle unha conferencia do historiador noiés Xerardo Agrafoxo sobre o Camiño Inglés a Santiago da Ría de Muros-Noia e a súa Portus Apostoli.
Esta acción inscríbese dentro do programa cultural do Cume Hispano-Italiano de xefes de goberno, aprazada pola crise catalá pero que, con todo, mantén intacta a súa programación paralela.
Neste Cume o estado español ha decidido centrar a súa oferta cultural nos Camiños de Santiago, cunha ampla oferta de actividades que inclúe música, cinema, investigación, literatura e artes escénicas das Comunidades Autónomas atravesadas polos camiños de Santiago. Baixo a provocadora denominación “Remover Roma con Santiago” máis de 50 personalidades da cultura e a arte de Navarra, A Rioxa, País Vasco, Castela León e Galicia tomarán algúns dos principais foros culturais da capital italiana.
Un dos actos centrais do programa é a conferencia sobre os Camiños de Santiago, que a organización decidiu focalizar no CAMIÑO INGLÉS DA RÍA DE MUROS NOIA E A súa PORTUS APOSTOLI pola novidade e orixinalidade que achega ao panorama das rutas xacobeas.
O relator, Xerardo Agrafoxo, é Doutor en Historia pola Universidade de Compostela e autor dunha extensa obra nos campos da investigación histórica e a literatura, asiduo dos foros culturais locais e principal investigador do Camiño Inglés da Ría de Muros Noia e o Portus Apostoli
A presenza do Camiño Inglés da Ría de Muros-Noia en Roma é unha iniciativa da ARD Ría de Muros Noia, que asumiu directamente a negociación coa Embaixada de España na capital italiana. Segundo a presidenta da ARD, Teresa Villaverde, esta acción inscríbese na excelente colaboración que manteñen ARD ( Xeodestino Ría de Muros Noia), Concello de Noia e Asociación Amigos do Camiño para o recoñecemento do Camiño Inglés da Ría de Muros Noia e o Portus Apostoli.
Xerardo Agrafoxo estará arroupado por representantes destas tres institucións, que pretenden visibilizar o excelente clima de colaboración e unidade de acción para o anhelado recoñecemento oficial do Camiño da Ría de Muros Noia. Neste sentido, Teresa Villaverde recalca que a proxección internacional xogará un papel determinante cando chegue o momento de formalizar o recoñecemento de “O noso Camiño a Santiago”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *

A Ría da Estrela © Tódolos dereitos reservados 2015 | turismo@ariadaestrela.com