Mina de San Finx

As minas de San Finx son unha oportunidade extraordinaria de viaxar no tempo e na memoria dun pobo, o de Lousame, cuxa historia está estreitamente vinculada á minería. O seu rico patrimonio xeolóxico, natural e industrial convérteas nun espazo único no que o visitante poderá gozar dunha paisaxe de singular beleza á vez que afonda no traballo e na vida da poboación mineira desde finais do século XIX ata mediados do XX. A recuperación e posta en valor deste espazo é, por tanto, unha invitación para participar dunha iniciativa turístico-cultural aberta a todas as persoas que buscan alternativas de lecer diferentes e enriquecedoras.

O xacemento mineiro de San Finx está presente na historia universal da minería desde a Idade do Bronce, cun papel esencial no comercio dos fenicios. Na baixa Idade Media segue constatándose a explotación do estaño, probablemente destinado aos talleres de ourives de estaño e prata en Santiago de Compostela. Pero é a finais do século XIX cando San Finx adquire maior relevancia histórica, coa creación da sociedade de capital británico The San Finx Tin Minies Limited: a primeira explotación de volframio iniciada en España e unhas das primeiras de Europa. A explotación dispón das instalacións técnicas máis avanzadas e chega a darlles traballo estable a 400 persoas. En 1940, a mina pasa a ser propiedade da empresa de capital español Industrias Galegas SA. Na II Guerra Mundial, coa chamada febre do volframio, San Finx convértese nun foco industrial de interese estratéxico. Tras a guerra, a produción normalízase, manténdose ata o ano 1990, no que se suspende a explotación, retomándoa en 2015.

O depósito de San Finx foi declarado como Punto de Interese Xeolóxico polo Instituto Xeolóxico Mineiro de España, ademais a súa contorna representa un espazo natural de gran beleza e interese biolóxico. Trátase dun espazo constituído por filóns de cuarzo que se estenden ao longo duns dous quilómetros. A súa composición indica temperaturas de formación relativamente baixas (200ºC a 300ºC) e posúe unha riqueza en estaño e volframio pouco frecuente en depósitos europeos.

Respecto do patrimonio industrial mineiro, San Finx consta dun conxunto de labores, equipamento e instalacións que reflicten a evolución da mina en máis dun século de actividade. Destacan, ademais dos labores superficiais de tempos antigos e os pozos máis recentes, os elementos construtivos conservados (almacén, lavadoiro gravimétrico, edificio de compresores e enganche eléctrico, armazón do pozo novo…). Nesta arqueoloxía industrial, fai falta sinalar tamén a existencia de equipos, algúns en perfecto uso, como separadoras magnéticas de bandas cruzadas, forno de fundición de estaño ou compresor, entre outros.

El tiempo en Lousame
Domingo 14°
Lunes 13°
Martes 12°
Miércoles 12°
tiempo.com   +info

VISITAS GUIADAS

Teléfono de inscripcións e visitas guiadas: 981 820 494

 

DIRECCIÓN

Minas de San Finx
Parroquia de Santa Eulalia de Vilacova
15212 Lousame
A Coruña

Time used: ms

A Ría da Estrela © Tódolos dereitos reservados 2015 | turismo@ariadaestrela.com